O noso gran protagonista desta fin de semana ten tan só 17 anos pero xa é un campión das baixadas en carrilana. Anxo Gómez Brea, veciño de Esteiro, quedou en quinta posición na última edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro. Cun tempo de 2 minutos e 6 segundos este xoven piloto colouse no ránking da categoría de adultos, entre os 20 máis veloces de 2015!
Este ano volve a participar no certame, na XXIX Gran Prix das Carrilanas de Esteiro, na categoría de Carrilanas de Rapaces, coa mesma ilusión coa que vén disfrutando dende cativo desta tradición única en Galicia, que se remonta ó ano 1988 e que está considerada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Anxo, a quen o nome lle fai xustiza, tralo verán estudará 4º da ESO na rama das Ciencias aplicadas á actividade emprendedora, no IES As ilsuas de Muros, e o seu soño é ser enxeñeiro mecánico! E apunta maneiras porque xa é un experto en mecánica coa creación e posta a punto de carrilanas de madeira. Este ano dará “gas” por segundo ano a “A Xeilana”, que será asistida outra vez polo copiloto e amigo Manuel Priegue Martínez, tamén esteirán e de 16 anos de idade, e os escudeiro “Cachys Boys”!
Falamos co noso piloto na véspera da celebración do Gran Prix, para que nos achegue a súa experiencia neste Certame e os detalles do mesmo, que se desenvolven ó longo de 3 días consecutivos, do 15 ó 17 de xullo en Esteiro.
P-Anxo, para Ventanas Galivent é un orgullo apoiarte neste gran Certame! Cóntanos, como o levas? Estás moi nervioso ou xa tes “o callo collido”?
R- Estou moi emocionado. Nervioso non, pero supoño que cando chegue o día, poreime algo nervioso, coa adrenalina a tope (-rise Anxo-). A primeira vez que participei nunha baixada de Esteiro foi con 5 anos coa miña nai, Rosa, cunha “Gerente”, cunha carrilana de madeira feita por Ramiro García, o mítico “Gerente”. Pero a verdade é que estou algo máis nervioso que o ano pasado, porque naquela edición quedei primeiro na Categoría de Rapaces e nesta teño moitas expectativas.
P-Son case 3 km de baixada. Cóntanos, como se desenvolve o Certame?
R-Mañá venres, 15 de xullo, son os entrenamentos libres oficiais. “Para quentar motores” (-rise Anxo-). É un momento decisivo porque é cando realmente poñes a carrilana a proba por primeira vez, de verdade, ó longo de todo o percorrido e comprobas que a “máquina” estea a altura ou non. O sábado é a Pole Position; a pole, como fan na Fórmula 1 ou na Moto GP. Todas as carrilanas, de todas as categorías, sairemos de unha en unha, cun intervalo de tempo dun minuto entre cada unha. A baixada é cronometrada e de ai sairán os postos de saída de cada categoría para o domingo.
P-O domingo! O Gran Premio das Carrilanas! Ás 19.00 horas Ventanas Ecovent estaremos animándote, na saída das Carrilanas de Rapaces! Fálanos sobre “A Xeilana”, o teu bólido.
R- Comezamos a fabrilacala en 2015 e estreámola na baixada da última edición. Foi un traballo intenso e de equipo. O equipo ó completo somos Manuel Priegue Martínez, o meu amigo e copiloto, encargado de empuxar a “A Xeilana” na saída e bombear a graxa para que non se queimen as rodas, e que despois se coloca na parte traseira da carrilana asistíndome na condución. E logo están “Os Cachys Boys”, a escudería impulsada por Cachiño, un amigo da familia, que entusiasmou ó meu pai, Isidro, e que este ano son os nosos escudeiros, e uns bos embaixadores desta tradición de carrilanas alí onde os chamen (-rise Anxo-).
P- Cóntanos por que bautizáchedes á vosa carrilana como “A Xeilana”?
E- Pois é en honra a miña bisavoa, que lle chamaban “ A Xeilana”, que conta a miña familia que foi unha muller moi traballadora, sempre disposta a botar unha man en todo. E bueno, ela era coñecida como “A Xeilana” porque á súa vez ó seu marido, o meu bisavó, que era mariñeiro de alta mar, o coñecían como “O Xeilán”.
P-Por último, Anxo, queremos saber de onde che vén está gran afición á mecánica?
E- Supoño que de familia. O meu pai, Isidro, é de Valdexería, de Serres, e moi afeccionado ás carrilanas, e tamén á Fórmula 1. A mín gústoume o mundo do motor dende moi pequeno. Apaixóname sobre todo a Moto GP, e a Fórmula 1 tamén. Dende moi cativo tiven curiosidade por comprender que hai detrás da mecánica. Con 4-5 anos tiven unha moto que cando me rompía eu a arreglaba unha e outra vez ata que a moto desapareceu. Supoño que foi cousa do meu pai que non queria que me rompera a cabeza (-rise Anxo-). E, bueno, dende sempre sigo de moi cerca as escuderías profesionais. Nestes momentos admiro a Mercedes en Fórmula 1, e admiro moito a traxectoria de Fernando Alonso, e na GP, a Marc Márquez; para mín é un crac, ten moito mérito destacar como o fixo dende tan pequeno e cun estilo de pilotaxe tan persoal.
P-Bueno, Anxo, só nos queda desexarte a mellor sorte no Certame! Que disfrutes ó máximo a competición co teu equipazo e sobre todo que disfrutes da maxia e da diversión desta festa única de Esteiro!